marzo    
    2024    
L M M X V S D
1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30 31

Preguntas frecuentes

Que é o BOPPO electrónico?

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) é un servizo público de carácter provincial competencia da Deputación de Pontevedra, á que lle corresponde a súa xestión, edición e publicación.

O BOPPO é o boletín oficial no que se publican as disposicións de carácter xeral, as ordenanzas, os actos, os edictos, os acordos, as notificacións, os anuncios e as demais resolucións das administracións públicas e da Administración de Xustiza de ámbito territorial provincial. Adicionalmente poderán publicarse outros actos ou anuncios que estas administracións ou anunciantes particulares ordenen inserir.

O carácter electrónico do BOPPO adáptase ás novas tecnoloxías, o que permite o acceso universal e gratuíto e garante poder obter de forma sinxela os boletíns publicados, e é a propia usuaria ou usuario quen decide, se así o desexa, imprimilo en papel.

A creación do BOPPO electrónico responde á Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Que días se publica o BOPPO?

O BOPPO publícase de luns a venres, excepto os días festivos a nivel estatal, galego ou municipal de Pontevedra.

Como se pode consultar o BOPPO?

O BOPPO pódese consultar a través de internet en www.boppo.depo.es.

Esta páxina web permite localizar un número do BOPPO pola data ou a través de diferentes criterios (palabra clave, data, entidade anunciante e número do BOPPO).

En que formatos se publica o BOPPO?

Os boletíns anteriores ao 12 de decembro de 2014 están dispoñibles como un arquivo PDF único para cada día.

Para os boletíns posteriores a esa data pode consultarse en formato HTML o sumario do boletín, cada anuncio individual e unha tradución realizada automaticamente polo portal de anuncios. Ademais pódese acceder a unha versión PDF do sumario, dos anuncios individuais e do boletín completo.

Que necesito para ver o BOPPO e os anuncios publicados en PDF?

Para visualizar o BOPPO ou os anuncios publicados en formato PDF é necesario ter instalado o programa Acrobat Reader. En caso de que non dispoña deste programa pódeo instalar desde a páxina http://www.adobe.es .

Ten validez legal a versión dixital do BOPPO? E os anuncios?

Os boletíns publicados con anterioridade ao 12 de decembro de 2014 e os sumarios e anuncios individuais posteriores a esa data que estean en formato PDF e asinados dixitalmente teñen validez legal.

As versións HTML dos sumarios ou dos anuncios, as traducións automáticas destes ou os arquivos PDF que agrupan todos os anuncios publicados en cada unha das datas posteriores ao 12 de decembro de 2014 só se ofrecen para facilitar a consulta, polo que non teñen validez legal.

Como se garante a autenticidade do BOPPO e dos anuncios en PDF?

Para garantir a súa autenticidade e inalterabilidade a edición electrónica en PDF dos boletíns anteriores ao 12 de decembro de 2014 e as versións PDF dos anuncios individuais posteriores a esa data incorporan a sinatura dixital.

Que é a sinatura dixital?

Serve para demostrar a autenticidade dun documento electrónico. Unha sinatura dixital dálle á persoa destinataria a seguridade de que o documento o creou o remitente (autenticidade de orixe) e que non se alterou durante a transmisión (integridade).

A sinatura dixital consiste nun método criptográfico que asocia a identidade dunha persoa a un documento. Segundo o tipo de sinatura pode, ademais, asegurar a integridade do documento ou da mensaxe, é dicir, que non se alterou o seu contido.

Por que un documento asinado dixitalmente é inalterable?

Un documento asinado dixitalmente permite "conxelar" o seu contido, de forma que calquera alteración invalidará a sinatura electrónica incorporada nel.

O proceso da sinatura inclúe o cálculo dun resumo do contido do documento completo e o seu cifrado coa clave privada do certificado emisor.

Como podo validar a sinatura dixital do BOPPO ou un anuncio?

Os BOPPO e os anuncios en formato PDF publicados neste portal están asinados cun certificado da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre a nome da Deputación de Pontevedra, o que asegura a oficialidade e integridade deses arquivos.

Adobe Reader 7.0 (e as versións de Adobe Acrobat Standard e Pro) permite comprobar a validez da sinatura electrónica dos documentos PDF asinados, utilizando certificados dixitais da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.

Para verificar a sinatura a primeira vez que acceda a un PDF terá que:

  • Ir á pestana ou icona "Sinaturas", á esquerda do panel do documento PDF asinado
  • Pulsar co botón dereito do rato sobre a sinatura e elixir a opción "Propiedades"
  • Na pestana "Resumo", pulsar "Amosar certificado"
  • Na pestana "Confiar", pulsar "Agregar identidades de confianza" e aceptar a mensaxe
  • Aceptar a ventá "Importar configuración de contactos"
  • Na ventá "Propiedades da sinatura", premer o botón "Verificar sinatura"
  • Aceptar a ventá "Visor de certificados"

Con esta operación descárgase o certificado da Fábrica de Moeda e Timbre no seu computador. A partir deste momento cada vez que queira realizar a comprobación da integridade da sinatura, da validez do certificado e do selo de tempo só terá que:

  • Ir á pestana ou icona "Sinaturas", na parte esquerda do panel do documento PDF asinado
  • Cando teña o rato sobre a sinatura prema co botón dereito a opción "Validar sinatura", onde aparece a súa autenticidade. Se clica en "Propiedades da sinatura" as distintas pestanas ofrecen o resto de información.

Como verificar a validez dunha impresión dun sumario ou anuncio?

No caso dos boletíns publicados con anterioridade ao 12 de decembro de 2014 será preciso acceder ao portal www.boppo.depo.es, localizar o BOPPO correspondente e descargar a súa versión en PDF.

Nas publicacións posteriores a esa data os sumarios e anuncios inclúen un código de verificación electrónica (CVE) que pode indicarse na páxina principal do portal do BOPPO para acceder directamente ao documento electrónico orixinal.

Debe terse en conta que, dado que non teñen validez legal, esta funcionalidade non se ofrece para os BOPPO completos posteriores ao 12 de decembro de 2014.

Que é o CVE e para que serve?

O CVE ou código de verificación electrónica é un conxunto de carácteres que aparece nas páxinas do sumario e os anuncios correspondentes aos BOPPO publicados posteriormente ao 12 de decembro de 2014 e que facilita o acceso ao documento electrónico orixinal.

É posible recibir notificacións da publicación de anuncios?

O BOPPO ofrece a posibilidade de subscribirse á notificación por correo electrónico da publicación de anuncios pola tipoloxía dos cales se indique ter interese.

Para darse de alta neste servizo debe entrarse na correspondente sección do portal do BOPPO e cubrir os datos solicitados polo formulario que aparece nela.

Como se pode modificar ou anular a subscrición ás notificacións?

Na sección de "Subscrición" do portal do BOPPO ofrécese a posibilidade de modificar os tipos de anuncios polos que se ten interese ou anular a subscrición.

Para iso deben cubrirse os datos solicitados no correspondente formulario, tras o que se recibirá un correo electrónico cunha ligazón a unha páxina na que se deberán indicar os novos tipos de anuncios de interese ou confirmar a baixa no servizo.